Sunday 05 de May de 2024

A Pobra reivindica o Orgullo de maneira festiva con música e cor


Un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal súmase á celebración do Día do Orgullo con dúas actividades. A concelleira da Igualdade en funcións, Charo Varela, e o seu homólogo da Mocidade, José Andrés Lojo, explican que se pretende así contribuír a visibiliza-la reivindicación do colectivo LGBTI+ e, dunha maneira festiva, instar a promover-la tolerancia, a igualdade e a dignidade de tódalas persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Se ben a propia data é o día 28, a programación desenvolverase no día 30 por ser venres e facilita-la asistencia das persoas interesadas. As propostas concentraranse nas inmediacións da praza Alcalde Segundo Durán. Ás 20.00 horas encherase a tarde de cor coa festa Holi que precisa a inscrición previa a través da seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/u/0/d/e/1FAIpQLSfmawwxlzDV-Y7WdL-1hAq9TOZ5SzRRaeYtZjsBlIlOqBd_5g/viewform?usp=send_form&pli=1. Farase a entrega dunhas lentes e pigmentos en distintas tonalidades no propio día do evento, a partir das 19.45 horas. Anímase, ademais, a acudir con vestimenta branca para que as cores resulten máis vistosas.

E a noite estará amenizada pola Mega Disco Chocolate e algunhas sorpresas, das 23.00 horas en diante.